
|
 |
 |
Conclusións das xornadas o dereito a saber, a liberdade de investigar. A represión franquista
En galiza
O grove 19-22 de setembro de 2007
|
| |
|
1. Os feitos aos que se chegue a través da metodoloxía científica da historiografía non poden ser enxuizados polos tribunais de xustiza, amparando tamén o científico – historiador os dereitos de liberdade de expresión e de liberdade de creación científica para realizar opinións ou críticas subxectivas sobre tales feitos e as súas causas e consecuencias
2. Propoñemos que se incorpore a todas as actuacións lexislativas e administrativas os principios descritos no Informe de Diane Orentlichar como ampliación do “conxunto de principios actualizados para a protección e a promoción dos dereitos humanos mediante a loita contra a impunidade” da Comisión de Dereitos Humanos das Nacións Unidas no seu 61º período de sesións.
3. É preciso o apoio institucional manifesto ao movemento pola recuperación da memoria
4. Propoñemos que aos historiadores e asociacións que traballen na recuperación da memoria dos feitos acontecidos entre 1936 e 1978 se lle recoñezan lexislativamente os seguintes de reitos específicos:
-O acceso sen restricións a tódolos arquivos
-A efectuar visitas a todos os lugares de interese para as súas investigacións
-A producir e obter as probas pertinentes para a reconstrución da Memoria e a honra das vítimas
-O amparo xudicial inmediato para cando estea en perigo algún tipo de proba que poida valer para reconstruír a memoria relativa a ese período histórico.
-O auxilio económico do Estado para todas as actuacións dirixidas a probar feitos ou actividades relativas a este período e que se deriven de violacións dos dereitos humanos.
-A garantía, conforme ao procedemento que se estableza, para conservar o anonimato das fontes das que se obteñan, ou pidan obter, datos conforme a criterios amparados pola ciencia histórica.
5.- Finalmente, consideramos que é básico o establecemento de puntos de encontro, redes de unión entre historiadores, investigadores e colectivos de recuperación da memoria e divulgadores da represión franquista, co obxectivo de cooperar con máis intensidade, mantendo total solidariedade perante os encausamentos xudiciais dos nomeados.
INICIATIVA GALEGA POLA MEMORIA
O Grove, 22 de setembro de 2007 |
| |
|
| |
|
 |
Nova denuncia contra outro membro de Verbo Xido! |
| |
|
Achégase un comunicado de Verbo Xido, sobre a denuncia a outro membro deste colectivo por parte dos mesmos que fixeron contra o historiador Dionisio Pereira. A dennucia foi interoposta polos contidos da
páxina web persoal do denunciado, Alfredo González Ruibal, investigador de prestixio que neste momento traballa na Stanford University.
Desde a Comisiómn pola Memoria Siñor Afranio denunciamos outra volta que no atopamos perante doutro grave atentado contra a liberdade de expresión. |
| |
|
| |
|
 |
O dereito á liberdade científica dos historiadores |
| |
|
Os/as abaixo asinantes, historiadores/as e investigadores/as, diante da denuncia presentada contra Dionisio Pereira polo contido da súa intervención no Congreso da Memoria celebrado en Narón, en decembro de 2003, e publicada nas Actas no 2004; polas alusións que neste relatorio fai a “persoas sinaladas nos asasinatos e maltratos ou como instigadores dos mesmos” a unha serie de nomes de cargos da Falanxe, todos eles falecidos, que o historiador recolleu das súas múltiples testemuñas orais, e cuxos familiares agora lle acusan de atentar contra o seu honor; queren manifestar o seguinte:
- Non é obxecto central do seu traballo atacar ningunha honra. O contexto do Congreso no que se encadrou o relatorio ou o libro de Actas no que se publicou, non é equiparable a outros escenarios de divulgación pública aos que se aplica esta figura xurídica; así como, o feito da distancia no tempo das personalidades citadas non ten a mesma forza que as xeracións vivas para contrapoñer o dereito ao honor fronte á liberdade de expresión, e moito menos ao dereito á creación científica na que se enmarca a tarefa do/a historiador/a.
- O conxunto de datos que se aportan neste caso e a traxectoria investigadora do historiador, acreditan un respaldo suficiente ao seu dereito a formular hipóteses discutibles nun contexto polémico en base a información da que dispón. Esixir certezas incuestionables aos historiadores, sería tanto como impedir o desenvolvemento desta materia fundamental para a formación da conciencia cívica de calquera sociedade.
- É unha grave distorsión aplicar ao obxecto investigado as categorías de situacións presentes. É evidente que a represión informal levada a cabo naquel momento, por definición e salvo raras excepcións, carece de probas documentais que a acrediten e, na medida en que o aparato policial e xudicial quedou no poder de quen a levou a práctica, nunca se procedeu a investigar ditos crimes. Compre lembrar que a franquista, como toda Ditadura, tivo como base a impunidade. O devandito non debe impedir ao historiador afirmar que ditas mortes se produciron e apuntar que se pode establecer como hipótese factible e verosímil algún tipo de relación con elas, en calidade de autores ou instigadores, por parte dos principais integrantes das organizacións que levaron a cabo estas actuacións, nomeadamente da Falanxe, atendendo ás testemuñas orais recollidas e a documentación escrita atopada. Hai que matizar, así mesmo, que non se fai ningunha aserción concreta sobre unha actuación determinada dos mencionados: isto é, non se asevera sobre a adscrición específica dos aludidos con ningún dos tres graos de intervención na represión que se indican, e a súa suposta participación naquela está “sinalada” en terceira persoa por fontes orais contrastadas.
- No seu ámbito, os historiadores valoran cales son as causas que explican os feitos históricos e propoñen a súa interpretación, e aínda que tales explicacións e interpretacións sexan en ocasións incompatibles con outras visións, non corresponde a un Tribunal de Xustiza decidir, por acción ou omisión, cal ou cales deban imporse de entre as posibles. Son os propios cidadáns quen, á luz do debate historiográfico e cultural, conforman a súa propia visión do acaecido, que pode variar no futuro. En caso contrario, imporíase a censura previa ou a autocensura na produción científica, algo inconcibible no marco dunha sociedade democrática e aberta; sobre todo cando se trata de relatar uns feitos históricos relevantes do pasado recente que precisan unha saudable esculca e esclarecemento, para reforzar precisamente a defensa do pluralismo político e o diálogo, representado polas vítimas da represión fronte ao totalitarismo e o fundamentalismo que impuxeron os vencedores; estes, para lexitimar un réximen xurdido dun golpe militar, inculcaron ademais unha versión oficial dos acontecementos, fronte a cal – de producirse unha condena do historiador – atopariámonos que non se permitiría opoñer outras perspectivas diferentes.
Por todo isto solidarizámonos co investigador Dionisio Pereira e solicitamos dos xuíces que desestimen a demanda
 
|
| |
|
| |
|
 |
Convocatoria “Verbo Xido” |
Compañeir@s:
O colectivo “Redes Escarlata” acordou entregarlle o Premio “Roberto Vidal Bolaño”, correspondente á edición do ano 2007, ao historiador Dionisio Pereira e a “Verbo Xido” (Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes). Con estes galardóns, quérese recoñecer o traballo de Pereira a prol da investigación relacionada coa memoria histórica e a do colectivo por desenvolver o seu traballo nunhas difíciles condicións, como tantas outras asociacións esparexidas polo país adiante. Nese senso, acreditamos que o galardón en realidade quere homenaxear a estes colectivos e ás persoas que teiman en rescatar a memoria dos represaliados e das represaliadas.
Co gallo da entrega, “Redes Escarlata” e “Verbo Xido” organizan unha conferencia titulada "Asociacionismo e memoria política", que se celebrará o sábado 23 de xuño (12 h.) no salón de actos do antigo local da Cámara Agraria de Cerdedo, e será impartida polo escritor e profesor Anxo Angueira.
Para as 14:30 h. está previsto o inicio dun xantar, ó término do cal o presidente do xurado do Premio “Ramón Vidal Bolaño”, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, fará entrega dos agasallos a Dionisio Pereira e a “Verbo Xido”.
O xantar celebrarase no restaurante “O Meu Lar” de Cerdedo. O prezo é de 15€.
Os interesados en asistir poden facer a reserva no correo fgrom004@usc.es ate o día 21 do mes en curso.
Neste intre tan especial, no que as forzas progresistas e nacionalistas de Cerdedo sufriron unha dura derrota nas eleccións municipais e o compañeiro Pereira está demandado pola familia dun ex alcalde falanxista, é moi importante que contemos coa presenza de todos/as aqueles/as que veñen compartindo connosco un ideario liberador e igualitario.
Agardámosvos.
“Verbo Xido”
|
 |
IV Premio Roberto Vidal Bolaño Acta |
| |
|
Reunidos en territorios da antiga freguesía de Bando, Compostela, os socios de Redes Escarlata X. Antón L. Dobao, Antón Figueroa, Francisco Fdz. Rei, Rosa López, Darío Xohán Cabana e o que labra esta acta, X.L. Méndez Ferrín, o día 26 de Maio do ano 2007, proceden a se constituír en xuri do Premio Roberto Vidal Bolaño e, tras fonda deliberación
ACORDAN
outorgar dito Premio Vidal Bolaño a
DIONISIO PEREIRA
e VERBO XIDO
Tivéronse en conta para esta escolla a longa traxectoria do premiado nos estudos de historia contemporánea, pola súa dedicación á reconstrución de todas as formas de abxección feixista e dos crimes perpetrados contra os fillos e fillas do pobo galego así como o seu intenso labor no asociacionismo e na impulsión de entidades culturais que, como VERBO XIDO, se caracterizan polo seu servizo á cultura popular e nacional.
Do que dou fe, como Secretario
X. L. Méndez Ferrín |
| |
|
| |
|
| |
|
 |
“Verbo Xido” |
| |
DIANTE DA DEMANDA DE CONCILIACIÓN PRESENTADA CONTRA O HISTORIADOR DIONISIO PEREIRA POLA FAMILIA DO EX ALCALDE FRANQUISTA E XEFE LOCAL DE FALANGE MANUEL GUTIÉRREZ TORRES
A todos e a todas:
A transición á democracia, que escomenzou coa morte de quen encabezara o golpe fascista que puxera fin a IIª República, non rematou coa entrada en vigor da vixente Constitución nin coa sucesión de eleccións e relevos en gobernos (central e autonómicos) e outras institucións. A ferida provocada polo levantamento franquista segue aberta, porque aquel proceso que nos quixeron vender como exemplar non foi máis que un intercambio forzado nunha situación de clara desigualdade. Os resortes do poder seguían nas mans dos franquistas: eles pretendían obter unha cláusula de impunidade mediante o noso silencio, a cambio de poder exercer as liberdades públicas máis ou menos recurtadas.
Pero aquel medo que durante os anos da ditadura pechaba as bocas, non podía por sempre seguir sendo o parapeto protector dos verdugos e dos seus fillos biolóxicos e ideolóxicos. Co paso do tempo, agromou na conciencia colectiva a necesidade de botar luz sobre os arrepiantes acontecementos que comezaran coa Guerra Civil e aínda hoxe rebrotan. Neste punto, a Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes “Verbo Xido”, que forma parte do colectivo “Sinhor Afranio”, implícase na tarefa de colaborar con quen investiga para sacar á luz todo aquilo que nos quixeron agochar.
Para honrar a cantos cerdedenses foron asasinados ou sofriron a represión de calquera xeito por defender os dereitos individuais e colectivos e á República, levamos a cabo a instalación dun monumento na Ponte do Barco (Pedre) na lembranza de dous canteiros asasinados naquel lugar; apoiamos unha iniciativa do BNG, aprobada unanimemente pola Corporación municipal de Cerdedo, de honrar a todas as vítimas da contenda sen distinción con outro monumento –algo que, pasados varios anos, o Concello aínda non puxo en práctica- ; homenaxeamos a un ilustre exilado fillo da nosa terra, Xosé Otero Espasandín; dedicámoslle a edición das Xornadas “Terra de Tod@s” de 2006 á recuperación da memoria da represión franquista e nela percorremos un roteiro dos lugares da memoria e participamos na edición dun libro, titulado A IIª República e a represión franquista en Cerdedo, escrito por Dionisio Pereira.
Tamén aplaudimos a decisión unànime da Corporación, tomada en abril de 2006, de retirar a rúa dedicada a un ex alcalde franquista, Manuel Gutiérrez, e advertimos do perigo que supuña outro acordo tomado en nadal do mesmo ano polo que, tan só cos votos do PP, revogaba o anterior, provocando o sanguento paradoxo de que un sistema que se quere democrático honre a quen participou no seu esfarelamento.
En pleno retroceso ás cavernas da historia, o atentado contra o monumento de Pedre serviu para advertir dalgo que nós xa sabiamos: os herdeiros do “Caudillo” non se resignan e acontecementos como o protagonizado polo Concello de Cerdedo sérvenlles de combustible.
No entanto, quédanos a forza da palabra e a fortaleza que nos dá saber que defendemos unha causa xusta. Todos escoitamos en voz baixa os nomes dos represores, sabemos de propiedades que cambiaron de donos a punta de pistola e a golpe de multas, de violacións, de testemuñas de asasinatos e de torturas. Co paso dos anos foron morrendo case todos, pero a verdade dos feitos é a mesma. Aos historiadores e historiadoras correspóndelles plasmala en libros e outras publicacións, e así contribuír á tarefa de cicatrizar unha ferida que aínda está aberta, para que a Guerra e a represión se convertan nun capítulo da historia do que apender para que non se repita.
Pero mentres que por escribir nun papel uns nomes, que foron mil veces pronunciados en voz baixa polas vítimas da barbarie e que se sinalan como presuntamente vencellados á represión, alguén poida ser procesado, como acontece con Dionísio Pereira pola frase contida no devandito libro, “Verbo Xido” dará un paso para expresar publicamente o seu respaldo, ó tempo que solicita o de todos aqueles colectivos e persoas que traballan polos mesmos obxectivos liberadores e defendan que a palabra nin mata nin fere.
¡Pola liberdade de expresión!
En Cerdedo, a 11 de febreiro de 2007
Asociación Ecoloxista e
Cultural de Terra de Montes “Verbo Xido” |
| |
| |
| |
| |
 |
A Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas |
| |
A Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas quere manifestar o seu apoio ao historiador Dionisio Pereira diante da demanda de conciliación que se verá o día 15 de febreiro de 2007 interposta pola familia do antigo alcalde de Cerdedo e xefe local de Falanxe nos días posteriores ao golpe militar de 1936, Manuel Gutiérrez Torres. Dionisio Pereira sinala no seu libro A II República e a Represión franquista no concello de Cerdedo, editado o ano pasado pola asociación Verbo Xido, a participación en diversas anifestacións da represión dos irmáns Gutiérrez Torres, Manuel, Ángel e Luis e sustenta dita afirmación en fontes orais, unha das técnicas habituais no traballo dos investigadores historiográficos. A reconstrución científica do pasado é un saber que se adecúa a certos métodos, sen renunciar a unha perspectiva ideolóxica ou moral na exposición dese pasado. Os investigadores presentan unha determinada visión do mundo a partir da valoración que realizan de experiencias alleas dentro dun marco científico libre e cun fundamento metodolóxico claro. A historia non se pode construír só con feitos incuestionábeis, xa que limitaría o campo de acción da historiografía como ciencia social. Os historiadores, como Dionisio Pereira, valoran cales son as causas que explican os feitos históricos e propoñen a súa interpretación, aínda que estas explicacións e interpretacións sexan en ocasións incompatíbeis con outras visións. Non corresponde a ningún organismo xudicial decidir cal ou cales deban impoñerse de entre as posíbeis.
Ponteareas, 14 de febreiro do 2007
|
|
|
|