Inicio
  Comentarios
  Comunicados
  Actividades
  Adhesións
  Colectivos
  Individuais
  Revista de Prensa
  Galería de Imaxes
   
   
   
   
   
   

 


   

A Xustiza vólvelle dar a razón a Verbo Xido


Comunicámosvos que a titular do Xulgado de 1ª Instancia da Estrada, vén de rexeitar o procesamento pola vía penal do arqueólogo, natural de Soutelo de Montes, Alfredo González Ruibal, frustrando os desexos da familia do ex-alcalde falanxista de Cerdedo Manuel Gutiérrez Torres.

   

O 'Siñor Afranio' voltou a Moreiras

Luis Tosar protagoniza a historia real deste documental baseado no uxido da Guerra Civil que traballou de criado en Boborás

X.A. Reboiro - BOBORÁS - 27-06-2008
A rodaxe do documental 'Afranio' encol da historia de Antón Alonso Ríos, un
republicano fuxido en 1936, chegou onte a Moreiras, unha aldea de Boborás. A mesma onde estivo agochado un ano como criado antes de exiliarse en Arxentina. Un aldraxoso mendigo, cunha barba de varias semans e unha vella chaqueta negra e un pantalón de pana, calzado con zapatos de coiro e cuberto cun amplio chapeu, baixa por un sendeiro que comunica a aldea de Moreiras coas leiras do entorno. De súpeto, un home de media idade e vestido de paisano que pedalea nunha bicicleta, ponse á súa altura e espétalle: '¡Queda usted detenido! Haga el favor de dar la vuelta y caminar delante mía!'. O mendigo é o 'Siñor Afranio', a identidade que adoptou no 1936 o deputado Antón Hipólito Alonso Ríos, da Frente Popular, cando fuxiu do golpe de Estado promovido pola oposición política á Segunda República e que derivou na Guerra Civil española. A escea desenvolvíase onte como parte dos ensaios do documental que o artista Víctor Coyote dirixe para a Televisión de Galicia, co recoñecido actor Luís Tosar no papel de Alonso Ríos.

Agochado Un equipo de técnico integrado por 15 persoas e outro artístico de 20 desprazouse onte ata Moreiras, localidade do municipio de Boborás, para a gravación de exteriores do documental producido por Alén Filmes. Os seis veciños do pobo estiveron ó longo da xornada atentos a prestar a súa axuda, entre eles Xoán Xosé Álvarez, 'xa que foi na vivenda do meu avó, Ramón Lavandeira, onde estivo agochado Antón Alonso como criado dende xullo de 1937 a xullo de 1938'. O señor Afranio participaba nas tarefas cotiás de ir co gando, castra-las colmeas de abellas e recoller leña no monte, 'e a miña avoa contaba que era moi bó home e sempre o lembramos con moito cariño'. Un axente co antigo uniforme da Garda Civil, un taberneiro, mozas, mozos e rapaces integran o elenco de secundarios e figurantes na rodaxe do documental. Álvarez lembra, como direigutivo do Centro de Estudios Chamoso Lamas e do grupo ecoloxista Outeiro, que 'fixemos un traballo de investigación encol da figura do Afranio, ó igual que outras asociacións que participan no proxecto a nivel galego e portugués'.


Unha traxectoria de tres anos entre Galicia e Portugal María Domínguez, da productora Alén Filmes, sinala que 'na rodaxe participan un total de 60 persoas entre actores principais e secundarios e un equipo técnico de 15 persoas, para a rodaxe dun documental de 50 minutos de duración'. A fuxida de Antón Alonso, que adoptou a personalidade de 'Afranio de Amaral' -nome dun naturalista brasileiropara escapar da represión franquista e falanxista, levou ó deputado socialista a percorrer a meirande parte de Galicia e o norte de Portugal. Neste senso, o itinerario da rodaxe de exteriores 'é moi extenso, xa que estivemos, entre outras localidades, en Tomiño, Forcarei, Tui, Torroño e Budiño, e hoxe fixamos esta xornada aquí, en Moreiras, para logo facer unha gravación nas pontes do Viñao en Brués, tamén no municipio de Boborás'. O elenco artístico e técnico desplázase hoxe ata la zona de Castro Leboreiro, en Portugal, onde Alonso Ríos rematou definitivamente a súa fuxida pero agochándose nunha cova da Serra da Peneda-Xurés, antes de viaxar ata Bós Aires. O director, Víctor Coyote, apunta que 'o documental ten unha estructura de road-movie, de walk-movie, máis ben, xa que segue o itinerario de Afranio, ó traverso de reconstruccións e entrevistas'.



   

Máis de 300 historiadores piden a Zapatero respaldo legal
para o cerdedense Dionisio Pereira


Os investigadores reclaman nun escrito solidario o desenvolvemento da Lei da Memoria



Un total de 349 historiadores, profesores de historia e investigadores das asociacións da recuperación da memoria histórica de todo o estado acaban de remitir ás autoridades españolas un escrito solidarizándose con Dionisio Pereira. O investigador cerdedense foi denunciado pola familia do ex alcalde franquista de Cerdedo, Manuel Gutiérrez, por publicar un traballo de investigación no que vinculaba a Gutiérrez con diversos actos de represión.

O escrito foi enviado por correo electrónico e postal ao presidente do goberno, o presidente do Congreso dos Deputados e o presidente do Senado.

Ademais de facer público o seu apoio a Dionisio Pereira, os investigadores -entre os que figura ata algún estranxeiro- esixen a aplicación e desenvolvemento da Lei da Memoria Histórica para protexer aos investigadores. Os asinantes piden que se desenvolva a disposición final primeira da lei, que habilita ao goberno a «ditar cantas disposicións sexan necesaria para o desenvolvemento e a aplicación» da Lei da memoria. En concreto, os investigadores propoñen que se engada unha declaración de lexitimidade constitucional da libre investigación sobre a guerra civil e o franquismo, en base a fontes históricas tanto escritas como orais e sen censura previa sen ningún nome, fonte ou dato histórico.

Os asinantes do escrito consideran «incomprensible» que os lexisladores prevexan medidas respecto ao acceso aos arquivos ou a recuperación de restos das vítimas e que se esqueceron en cambio «das persoas que están achegando de forma comprometida e desinteresada o seu rigor académico e honestidade profesional a un coñecemento máis preciso e plural da verdade histórica».

Os historiadores advirten que non están dispostos a tolerar o tratamento «inxusto, antidemocrático e hostil cara aos historiadores de profesión». Recordan que moitos historiadores están sendo vítimas de «acoso xudicial» por parte das persoas que aparecen na documentación como responsables de torturas e asasinatos durante a guerra civil e a ditadura franquista.

«Calvario xudicial»

Os asinantes aseguran que a resolución caso a caso das denuncias está creando alarma entre os historiadores e dificultando o seu traballo. Consideran que o «calvario xudicial» destes profesionais

Fonte: La Voz de Galicia, Deza-Tabeirós-Montes. Rocío García 22/05/2008

Máis recollidas da Carta pública:

nosaterra.com
melodysoft.com
rebellion.com
historiales.com
todoslosnobres.es
foroporlamemoria.com
kaosenlared.net
reporterosdelahistoria.com
memorialiberaria.com
lahaine.com
fresqui.com
groups.msn.com

 

   
O compañeiro de Verbo Xido Alfredo González Ruibal declara en A Estrada coa esperanza de que o seu caso se arquive

 

O arqueólogo enfróntase a unha querela penal por supostas aldraxes contra o alcalde franquista e xefe da falanxe de Cerdedo, Manuel Gutiérrez.

O arqueólogo soutelán Alfredo González Ruibal, xerente do Centro etnográfico de Terra de Montes (Cetmo), tivo que prestar declaración o pasado 15 de maio perante a xuíza estradense para responder polas acusacións recollidas na querela penal presentada contra el pola familia do ex alcalde franquista de Cerdedo, Manuel Gutiérrez Torres. A querela por aldraxes e calumnias foi presentada en outubro do 2007 e motivada polos contidos que o acusado colgou na páxina web da Universidade de Standford, na que entón gozaba dunha bolsa de investigación.

Segundo explicou onte o avogado da parte acusadora, Santiago Taibo Piñeiro, entre outubro do 2006 e xuño do 2007, a citada páxina web fíxose eco dun estudo do investigador cerdedense Dionisio Pereira sobre a República e responsabilizou a Manuel Gutiérrez do asasinato de 39 persoas durante a época da guerra e da posguerra. O avogado destacou a diferenza entre o estudo orixinal, que falaba de 39 «presuntos» asasinados, e o resumo publicado na web, que prescindía da palabra «presuntos» e incluía unha foto de Manuel Gutiérrez coas palabras en inglés «The killer» (o asasino). A familia demandante exixe, ademais dunha rectificación, o pagamento dunha indemnización de 100.000 euros. No acto de conciliación celebrado en setembro no xulgado de paz de Forcarei, o acusado rexeitou o acordo polas condicións impostas.

Tras pecharse a vía da conciliación, Alfredo González foi citado onte para prestar declaración sobre os feitos.

Segundo explicou a súa avogada, Jacoba Millán, na web da Universidade de Standford González daba conta dos asasinatos cometidos en Cerdedo durante a guerra e a posguerra e incluía tamén unha foto do ex alcalde franquista exercendo de padriño nunha voda. Non obstante, a avogada indicou que a intención do seu cliente foi a de expresar que «os represores teñen tamén ou seu lado amable». Segundo asegurou, «a páxina titúlase Killers e vai separada a foto de Gutiérrez dous mortos. Non lle atribúe os asasinatos». Tras a declaración do imputado, a súa defensora expresou o desexo que se arquiven as dilixencias e se evite a celebración do xuízo.

 

   
Presentación do libro a Loita Permanente de Xoán Xesús González

Intervirán no acto Marcos Seixo, Dionisio Pereira e Xosé Enrique Acuña

   
   
Vista previa do xuízo a Alfredo González Ruibal, 15 de maio ás 11.30 no Xulgado da Estrada.


Amigos e amigas de Verbo Xido:

O vindeiro 15 de maio vaise celebrar na Estrada o xuizo contra o noso compañeiro de Verbo Xido e xerente do Cetmo,Alfredo González Ruibal; ás 11,30 horas será a Vista Previa da demanda presentada pola familia do ex-alcalde franquista de Cerdedo, Manuel Gutiérrez Torres.
Agardamos a presenza e o apoio de todas aquelas persoas que podan estar con nós ese día para denunciar a inxustiza que supón esta situación ,que tamén está a sufrir o historiador Dionisio Pereira.
Aproveitamos para lembrarvos o número da conta solidaria aberta para axudar nos gastos de ambos procesos xudiciais: 2080-0480-11-0040118605

Graciñas.


 
O fascismo desaparece das rúas de Silleda e "O Siñor Afranio" levará o nome dunha céntrica praza na localidade

Na sesión plenaria do Concello de Silleda do pasado xoves 24 de Abril fíxose oficial a supresión e renomeamento do rueiro fascista de Silleda cos votos favorábeis do BNG 1, PSOE 6 e a abstención dos 6 edís do PP, o Concello aprobou a proposta da Comisión creada para o efecto e que se levaba reunindo desde o mes de Setembro. Nela participaron activamente con rigorosidade, criterio e dinamismo nas propostas Adellís Asociación Socio-Cultural de Silleda e a Comisión pola Memoria Siñor Afranio, alén dos partidos políticos e algúns outros colectivos da localidade. Celebramos enormemente o compromiso do PSOE e o BNG de acatar o decidido por consenso na comisión foi efectivo e o resultado é, por fin, histórico, polo que levamos a traballar desde hai dez anos e que en anteriores lexislaturas só fora proposto e defendido, exclusivamente, polos concelleiros do BNG.

Logo de máis de medio século de fascismo nas rúas, procedeuse ás seguintes mudanzas:

- Rúa General Franco por Rúa do Trasdeza
- Rúa José Antonio por Rúa do Progreso

Alén disto, Alonso Ríos terá unha rúa na até agora denominada San Isidro e o "Siñor Afranio" para a chamada Praza do Cuartel, onde conflúe a anteriormente citada.

Na vila trasdezá da Bandeira tamén se decidira xa nun pleno precedente realizar os seguintes cambios:

- Ruá Iryda por Rúa Ramón de Valenzuela
- Rúa PPO por Rúa do Parque
   
   
Verbo Xido promove unha Conta Solidaria cos procesos xudiciais dos compañeiros Dionísio Pereira e
Alfredo González Ruibal


CONTA SOLIDARIA

En relación cos procesos xudiciais que afectan ós membros da asociación DIONISIO PEREIRA GONZALEZ e ALFREDO GONZALEZ RUIBAL, promovidos pola familia Gutiérrez Nieto en base a publicacións e manifestacións por eles efectuadas, acordouse, por unanimidade, abrir unha conta bancaria para recaudar fondos cos que axudar a defensa xurídica dos nosos compañeiros. Dende dita conta poderánse facer pagamentos de asistencia xurídica, multas, indemnizacións e outros que se deriven das causas abertas, debendo ser todos os cargos asinados polo presidente e o tesoureiro da Asociación.

O número de conta é:

2080/0480/11/0040118605

Animámosvos a facer as vosas achegas e a difundir a existencia da conta entre os vosos achegados.


Se ó final dos procesos xudiciais existise saldo nesa conta, aplicarase de forma sucesiva aos seguintes fins:

Primeiro.- Devolución ás persoas que colaboraron que o soliciten no prazo que no seu momento se establezca, en proporción ó aportado por cada un en relación co total recadado.

Segundo.- Entrega a asociacións ou colectivos, que defendan causas semellantes as que levaron ao banquiño aos nosos compañeiros.

Terceiro.- Entrega a unha entidade sen ánimo de lucro cuxos fins sexan concordantes cos da asociación Verbo Xido.

Verbo Xido, Abril 2008

        

Campaña de Historia e Debate a favor de Dionísio Prereira e a liberdade de investigación e expresión


Amigos e amigas de HaD:

Hoxe iniciamos unha nova e importante campaña de Academia Solidaria co historiador Dionisio Pereira, acosado xudicialmente polos herdeiros do que foi xefe da Falange de Cerdedo (Pontevedra), cuxo nome foi sinalado por diversos testemuños como executor da represión contra persoas de ideas de esquerda e democráticas durante a guerra civil e o franquismo.

O problema é, en realidade, o mesmo que no caso de Raul Dargoltz (Arxentina), Carlos Demasi (Uruguai) e doutras campañas que fixemos como rede internacional de historiadores solidarios: quérese "matar al mensajero", preténdese amordazar ao historiador profesional, quérense coartar en suma as nosas liberdades de investigación e expresión. Agora tócanos máis perto, en Galicia, Españaa, onde coordinamos a rede académica HaD.

No caso de Dionisio Pereira, historiador recoñecido do anarquismo galego e membro activo do Consello da Memoria da Xunta de Galicia, é tan só a punta do iceberg. Estase a producir unha represión silandeira contra colegas que investigan a represión local, que pode incrementarse no futuro coa aplicación da Lei de Memoria Histórica, lamentablemente retrasada por razóns políticas, se non se resolve o problema do baleiro existente a día de hoxe no tocante á protección legal dos investigadores e investigadoras.

A xurisprudencia emanada do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo, é clara na defensa das liberdades do historiador que investiga a guerra e a ditadura, pero, en contradicción co anterior, insiste en que hai que analisar "caso por caso", o que, sabedores todos da pluralidade polí¬tica da xudicatura española, alenta a táctica dalgúns descendentes de executores de asasinatos de intimidar aos investigadores para que non figuren nos libros de historia os nomes dos seus familiares, instaurando na práctica, co presunto apoio dun sector da xudicatura e a pasividade das autoridades, unha censura
historiográfica incompatible coa Constitución española de 1978. Algo que xa se tentou no primeiro borrador da Lei de Memoria Histórica onde existí¬a un apartado indecente -despois, por fortuna, eliminado- que obrigaba aos responsabeis dos arqivos públicos a borrar os nomes dos represores -polo xeral, xa falecidos- nos documentos que se facilitasen aos historiadores ou familiares das vítimas.

CONVOCÁMOSVOS, POIS, A XUNTAR OS VOSOS NOMES AO DOCUMENTO QUE REPRODUCIMOS A CONTINUACIÖN, EN APOIO DOS HISTORIADORES GALEGOS E ESPAÑOIS, COMO OUTRAS VECES FIXEMOS CON HISTORIADORES DOUTROS PAÍSES E CONTINENTES, CONSTRUÍNDO DESTE XEITO UNHA HISTORIOGRAFÍA GLOBAL, LIBRE E SOLIDARIA QUE CONTRIBÚA A REMATAR, NAS MENTALIDADES E NA INSTITUCIONALIDADE DEMOCRÁTICA, COS RESIDUOS DAS SANGUENTAS DITADURAS QUE ESTRAGARON O NOSO SÉCULO XX

RECOLLEREMOS SOAMENTE SINATURAS ATË O XOVES, 15 DE MAIO DE 2008.

Enviar xa os vosos datos a h-debate@cesga.es: nome e apelidos, institución (universidade, instituto, asociación...), localidade e país.

O debate sobre esta campaña solidaria terá lugar, coma sempre, na Lista de Historia Inmediata. Se non estades incluidos, enviade unha mensaxe que diga "Suscribe HI" a h-debate@cesga.es.

Máis dados sobre o "caso Dionisio Pereira" en:

(Primeiro manifiesto de apoio, 11/6/07)
(Primeiro xuízo en video, 2/10/07))
Wikipedia Dionisio Pereira
Web Oficial do Sinhor Afranio

Un saúdo cordial,

Carlos Barros (22/4/08)
Coordinador de Historia a Debate
cbarros@wanadoo.es
www.cbarros.com
www.h-debate.com


DOCUMENTO PARA O QUE SE PIDEN AS SINATURAS:

Excmo. Sr. Presidente do Goberno
Excmo. Sr. Presidente do Congreso dos Diputados
Excmo. Sr. Presidente do Senado
Madrid, España

Os abaixo asinantes, investigadores/as e profesores/as de historia de universidades e outros centros de estudo españois y doutros países, queremos manifestar a nosa solidariedade co historiador Dionisio Pereira, denunciado xudicialmente unha e outra vez por familiares de presuntos represores durante a guerra civil e a ditadura, que aparecen nomeados nas fontes empregadas nas súas investigacións publicadas sobre a represión franquista na vila de Cerdedo (Pontevedra).

O Xulgado de Primeira Instancia de A Estrada, amparando con abundante xurisprudencia os sus dereitos constitucionais de liberdade científica e de opinión “en el terreno histórico”, absolveu xa ao noso colega, cuxa situación legal depende, de todas maneiras, do que decida en breves días a Audiencia Provincial de Pontevedra, e aínda de previsíbeis recursos a instancias xurídicas superiores. Un calvario xudicial que amosa a febleza e vulnerabilidade da nosa xove democracia e o seu ordenamento legal na temática que nos ocupa.

A difusión desta anómala situación, ten destapado en toda a geografía do Estado español outras semellantes que están a ser resoltas “caso a caso” polos tribunais de xustiza, coa consiguinte alarma dos historiadores e historiadoras, que vemos dificultado deste xeito o noso traballo sobre a historia española recente, diante da posibilidadade de ser víctimas do acoso xudicial dos descendientes ou achegados das personas que aparecen na documentación, oral e escrita, como responsabeis de torturas e asasinatos de cidadáns por causa das súas ideas durante a guerra civil e a ditadura franquista. Tratamento inxusto, antidemocrático e hostil cara os historiadores de profesión, que ningún de nós, independentemente das nosas especialidades e nacionalidades, estamos dispostos a tolerar.

A sentenza do Tribunal Constitucional do 23 de marzo de 2004 asegura a protección constitucional dunha “ciencia histórica libre” e que son os “propios ciudadanos quienes, a la luz del debate historiográfico y cultural, conforman su propia visión de lo acaecido, que puede variar en el futuro”. Non sendo, polo tanto, “misión de los Tribunales de Justicia el realizar un juicio sobre verdades históricas”. Nembargantes, os xuizos contra historiadores e historiadoras seguen a se celebrar, e poden mesmo aumentar conforme se apliquen de vez as novas políticas publicas de investigación, reparación e recoñecemento das víctimas da guerra civil e a ditadura aprobadas na Lei da Memoria Histórica do 26 de decembro de 2007, cuxa posta en práctica e perfeccionamento esiximos.

Por todo o cal, demandamos do Goberno español, e das institucións parlamentares, garantes por imperativo constitucional dun exercicio non discriminatorio das liberdades democráticas e responsabeis do cumprimento das leis vixentes, o desenvolvemento da “Disposición final primera” que habilita ao Goberno a “dictar cuantas disposiciones sean necesarias para el desarrollo y la aplicación” da devandita Lei da Memoria. Propoñemos, en concreto, que se engada unha declaración de lexitimidade constitucional da libre investigación sobre a guerra civil e o franquismo, en base a fontes históricas, tanto escritas como orais, de acordo coas metodoloxías correspondentes, sen censura previa sobre ningún nome, fonte ou dato histórico.

É obriga xeral das autoridades democráticas amparar na práctica as liberdades de análise, interpretación e opinión dos historiadores sen excepción, e do Goberno en particular fixar unha referencia legal que facilite ás administracións, funcionarios e institucións do Estado salvagardar nas mellores condicións o exercicio libre da investigación en temas que son, asemade, de vital importancia para pechar dunha vez, coa identificación, localización e dignificación das víctimas (e o recoñecemento dos loitadores pola liberdade), a guerra civil e a ditadura franquista, completando deste xeito a transición á democracia en España iniciada en 1977.

Resulta incomprensible que, prevéndose medidas de apoio e responsabilidade institucional no tocante á conservación de documentos, acceso aos arquivos, investigación sobre as victimas do franquismo e a guerra civil (incluíndo a recuperación dos seus restos), se esqueceran os lexisladores españois das persoas que están a aportar de xeito comprometido e desinteresado o seu rigor académico e honestidade profesional para un coñecemento máis preciso e plural da verdade histórica, sen o cal difícilmente as xeracións futuras poderán aprezar, na súa esencia e con perspectiva histórica, o régime político democrático que van herdar.

Na Rede, a 22 de abril de 2008

ENVIAR XA A VOSA SINATURA A H-DEBATE@CESGA.ES: NOME E APELIDOS, INSTITUCIÓN (UNIVERSIDADE, INSTITUTO, ASOCIACIÓN, ...), LOCALIDADE E PAÍS.

A Oliveira e Siñor Afranio lembran o alcalde de Carbia do 1936

Acto no Auditorio Municial Xosé Casal de Vila de Cruces, o día 19 de abril ás 20,30 horas.

A asociación A Oliveira, de Teo, e a Comisión pola Memoria Sinhor Afranio lembran a figura de Benjamín Salgado Uribe, que foi alcalde do concello de Carbia (actual Vila de Cruces) no ano 1936, na Sala Multimedia do Auditorio Municipal Xosé Casal de Vila de Cruces, o vindeiro 19 de abril ás 20,30 horas.

Benjamín Salgado Uribe naceu no ano 1889 en Vilar, parroquia de Cacheiras, concello de Teo. Foi o quinto dos fillos da mestra Marcelina Uribe e do médico Fernando Salgado. Como tantos galegos, Benjamín coñeceu a emigración.

Traballou en La Habana, e percorreu América, desde os Estados Unidos até Bos Aires, traballando de xornalista. Ao regreso a Galicia instalouse en Arzúa, onde abriu, en sociedade coa súa familia, un coñecido almacén de tecidos e gañou o aprecio dos seus veciños.

Despois da morte do seu pai, instalouse, cun seu irmán, en Vila de Cruces, onde abren un ultramarinos. Como viña facendo en Arzúa, participa no rico tecido asociativo da II República. Como consecuencia do trunfo do Frente Popular foi elixido alcalde. Despois da rebelión militar do 18 de xullo, o mesmo día 19 trasládase a Pontevedra, xunto con cargos sindicais e políticos do Deza, a recibir instrucións do Gobernador provincial.

En vista de como se desenvolvían os acontecementos, teme pola súa vida e decide agocharse, primeiro en Compostela e despois en Arzúa. No seu refuxio enferma da tuberculose que lle causará a morte no ano 1950, apenas catro anos despois de ser indultado do delito de "rebelión militar" que el, obviamente, non cometera.

Neste acto, o público asistente poderá facerse co número dous da Voandeira da Oliveira, monográfico dedicado a este alcalde natural de Teo, e falarán Ramón Arufe, que estudou a figura de Benjamín Salgado Uribe, e Manuel Igrexas, profesor e historiador, que investigou a fondo a época republicana e a represión posterior ao ano 1936 na comarca do Deza.

Presentación do Album de Guerra en Cerdedo
Presentación do Album de Guerra en Cerdedo

O vindeiro sábado 2 de Febreiro, a Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes “Verbo Xido” e a Editorial “Difusora de Letras, Artes e Ideas” de Ourense, presentarán o libro Canteiros da Terra de Montes no Exército Popular da República. Album de Guerra, da autoría de Rogelio Arca Rivas e Dionísio Pereira.

O acto terá lugar na Antiga Cámara Agraria de Cerdedo, ás 19 h 30. Nel intervirán, ademáis dos autores:

  • Xurxo Pantaleón, do Proxecto Interuniversitario “As Vítimas, Os Nomes, As Voces”.
  • Xavier Paz, de “Difusora de Letras, Artes e Ideas”.
  • Claudio Rodríguez Fer, poeta e profesor da Universidade de Santiago.
  • Representante da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia

Haberá proxección dunha colección de fotografías dos canteiros da Terra de Montes que participaron na defensa do Madrid republicano no ano 1937.
Ao remate, tomaremos un pincho de confraternidade.
Vos agardamos.

Presentación Literaria Xoves 3 De Xaneiro




Valoración da senteza no xuízo a Dionísio Pereira

 

INVESTIGAR PARA A LIBERDADE

Durante o franquismo, nas vilas e cidades a xente pronunciaba en voz baixa os nomes daqueles que tiveron un papel activo e protagonista na represión. Nun clima de terror permanente, víanse obrigados a convivir con eles, con aqueles que lles roubaran propiedades a punta de pistola ou encabezaran os grupos de xusticieiros que asasinaron a familiares, amigos e veciños. Coa implantación do réximen democrático, a falta de vontade das forzas políticas maioritarias por aclarar todo o acontecido e recoñecer e honrar o papel de aqueles que morreron ou sufriron a represión por defenderen a legalidade republicana deixou en mans dos historiadores esta tarefa. Coa intención de que prevalecese a verdade, con mínimo respaldo institucional e expostos a verse denunciados xudicialmente ou ameazados polos seus devanceiros, un grupo deles encarou o reto.

Nel figura Dionisio Pereira González. O seus traballos (Os mortos esquecidos, radiografía da represión franquista nun pequeno concello rural: O caso de Cerdedo (Pontevedra), publicado nas Actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003, e o libro A Segunda República e a represión en Cerdedo, editado pola Asociación Ecoloxista e Cultural Verbo Xido e a Xunta de Galicia) serviron para ver imprimidos nun papel por primeira vez os nomes das víctimas e tamén dos represores, aqueles nomes que durante décadas foran pronunciados en voz baixa, co único obxectivo de que se soubese a verdade e renderlles un tributo de gratitude a aqueles que loitaron pola democracia.

A resultas de tal iniciativa, foi denunciado polos familiares de Manuel Gutiérrez Torres, ex xefe da Falange e alcalde de Cerdedo nun periodo comprendido entre 1940 e 1950, e de Francisco Nieto González (falanxista) os que citou como “persoas sinaladas pola súa particiación nos asasinatos e maltratos ou como instigadores dos mesmos” e como “presuntos represores”. A sentencia firmada pola titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de A Estrada, María Pedreira García, absolve a Dionisio Pereira e conclúe que en ningún momento vulnerou o dereito á honra dos familiares de émbolos dous.

No capítulo de Fundamentos de Dereito, a sentencia asinada o 7 de decembro cita os casos abertos a raíz de dous libros nos que se lle imputa a unha persoa a intervención no asasinato dun sacerdote (xaneiro de 2004) e, a outra, a un militar a responsabilidade de porse á fronte dun pelotón de fusilamento (febreiro de 1993). En ámbolos dous, os xuíces coincidiron en suliñar que non é tarefa das instancias xudiciais declarar cal é a verdade histórica, nin xulgar se os historiadores acudiron ás fontes fiables de coñecemento.

A terceira referencia na que está asentado o fallo absolutorio (marzo de 1999) derívase dunha denuncia que ten a súa orixe nunha reportaxe de televisión sobre as circunstancias dun consello de guerra que concluíu coa execución “de un conocido político catalán en Burgos” (o anarquista Salvador Puig Antich). “Cuando surge la colisión entre los derechos fundamentales de libertad de información y expresión y al honor (…) la delimitación (…) ha de hacerse caso por caso y sin fijar apriorísticamente los límites entre ellos”, indica. Tamén resalta que “la tarea de ponderación ha de llevarse a cabo teniendo en cuenta la posición prevalente, que no jerárquica o absoluta (…) que ostenta el derecho a la libertad de expresión e información”.
A sentencia do Tribunal Constitucional (TC) de marzo de 2004, referida ó mesmo procedemento resolve que “es preciso señalar que las valoraciones y juicios sobre los hechos históricos, y no sólo sobre la actualidad o sobre el pasado más próximo, son tan inevitables como necesarios, sin perjuicio de la dificultad de que alcancen consenso o valoración unánime. (…) La posibilidad de que los contemporáneos formemos nuestra propia visión del mundo a partir de la valoración de experiencias ajenas depende de la existencia de una ciencia histórica libre y metodológicamente fundada”, engade.

“El debate histórico disfruta en nuestra Constitución de una protección acrecida respecto de la que opera para las libertades de expresión e información, ya que (…) se refiere siempre a hechos del pasado y protagonizados por individuos cuya personalidad, en el sentido constitucional del término, (…) se ha ido diluyendo necesariamente como consecuencia del paso del tiempo y no puede oponerse, por tanto, como límite a la libertad científica con el mismo alcance e intensidad con el que se opone la dignidad de los vivos”, pode lerse no fallo do TC. “Sólo de esta manera se hace posible la investigación histórica, que es siempre, por definición, polémica y discutible, por erigirse alrededor de aseveraciones y juicios sobre cuya verdad objetiva es imposible alcanzar plena certidumbre. (…) Son los propios ciudadanos quienes, a la luz del debate historiográfico y cultural conforman su propia visión de lo acaecido, que puede variar en el futuro”.

Atendendo a estas premisas, a titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción da Estrada mantén que os traballos realizados por Dionisio Pereira “no tienen contenido difamatorio, ni, en palabra de los actores (denunciantes) en el acto del juicio, les ha supuesto de facto un rechazo o perjuicio hacia sus personas por parte de los vecinos de Cerdedo”. Así mesmo, sostén que “las afirmaciones que los demandantes consideran atentatorias para su honor han sido realizadas a través (…) de testimonios de las personas coetáneas a los hechos (…) por lo que no se desprende ni ánimo de dañar el honor, (…) ni ánimo vengativo (…) ni tampoco –al menos desde el punto de vista jurídico- una absoluta y total desconexión con la realidad histórica estudiada”. A Asociación Ecoloxista e Cultural Verbo Xido, integrada no grupo de colectivos das comarcas de Terra de Montes, Deza e Tabeirós Señor Afranio que traballa pola recuperación da memoria histórica, expresa a súa concordancia co fallo e cos principios nos que se asenta, por considerar que servirán para facilitar o labor a aqueles que, como Dionisio Pereira, só buscan a verdade ao entender que é o mínimo tributo que cómpre renderlle a todos aqueles que abriron os camiños do futuro co seu exemplo, traballando nun eido que, malia transcorreren máis de tres décadas desde a morte de Franco, segue a ser abertamente hostil.

O acontecido durante a Guerra Civil e o franquismo deixará de ser unha ferida aberta para se converter nunha lección de historia cando o Goberno asuma a cota de responsabilidade que lle corresponde e o traballo de investigación que desenvolven os historiadores remate.

Asociación Ecoloxista e Cultural Verbo Xido
Cerdedo, decembro de 2007



  
Desetimase a denuncia contra o historiador Dionisio Pereira

O Xulgado de Primeira Instancia da Estrada acaba de desestimar a denuncia que a familia dun ex alcalde franquista de Cerdedo, Manuel Gutiérrez Torres, presentara contra o historiador Dionisio Pereira. Os descendentes do rexedor consideraban que un estudo do autor sobre a represión en Terra de Montes constituía un atentado contra a honra do que fora tamén xefe da Falanxe na localidade.

No controvertido texto, Dionisio Pereira aporta datos que vinculan ao ex alcalde coa violenta represión que se produciu na comarca logo do golpe militar de 1936. Xa durante o propio xuízo celebrado o pasado día 2 de outubro, o fiscal sinalou que non vía motivos para a demanda civil. Agora, o xulgado ratifica aquela opinión.

Segundo lle explicou a Vieiros a avogada do historiador, Jacoba Millán, a familia ten de prazo até o xoves da vindeira semana para presentar recurso diante da Audiencia Provincial. Sexa como for, a propia letrada lembraba que se trataba dunha sentenza importante polo precedente que senta en Galiza. Ademais subliñou que queda probado que o autor tiña fontes sólidas que apoiaban o seu estudo.



Fonte: XORNAL ELECTRÓNICO VIEIROS (12.12.2007)
 

  
Xuízo contra o historiador dionísio pereira
O vindeiro martes, 2 de outubro, ás 10'00 h. celebrarase no Xulgado da
Estrada (Pontevedra) o xuízo contra o historiador Dionísio Pereira, demandado pola familia do ex-alcalde falanxista de Cerdedo, Manuel Gutiérrez Torres.
A asociación Verbo Xido de Terra de Montes e a Comisión pola Memoria Siñor Afranio fan un chamamento para acudir ese día ao xulgado e solidarizarmonos con Dionísio, así como para reclamar o dereito a saber e a liberdade de expresión.

Moitas grazas.

  
Manifesto sobre o dereito a saber e a liberdade de investigar   nas  nosas comarcas

Diante das denuncias presentadas contra os historiadores Dionisio Pereira (Cerdedo) e Alfredo González Ruibal (Soutelo de Montes), os/as historiadores/as e investigadores/as das comarcas de Cotobade, Cuntis, Deza e Tabeirós-Terra de Montes, queremos manifestar a nosa repulsa pola persecución que está a cometerse con aqueles que pretenden recuperar a memoria histórica do pasado franquista na nosa zona. Amparándose na defensa do dereito ao honor dos represores e das súas familias, trasladouse ao ámbito xudicial un debate que debera permanecer no marco historiográfico no que naceu. Na nosa opinión, os tribunais non deberían ser competentes para determinar a certeza da verdade histórica, posto que non é obxectivo dos historiadores atentar contra a honra privada de ninguén divulgando as investigacións verbo do labor público dun personaxe histórico. Para iso, empregase o aparato metodolóxico propio dunha ciencia como a historia, tendo en conta as limitacións que aquel ten para disipar toda dúbida respecto das hipóteses de partida que se propoñen e que poden ter diversas interpretacións non coincidentes entre si. En calquera caso, e con todas as eivas, estamos seguros de que este é o único xeito de que avance na nosa sociedade o coñecemento sobre nós fronte ao que suporía a autocensura. Isto en ningún caso supón risco de descalificación gratuíta ou de ataque ao prestixio de ninguén, tendo en conta que é a cualificación e o prestixio do historiador o que está en xogo se non tivesen fundamento suficiente as teses que sustenta. Por iso queremos facer as seguintes consideracións:

1.- É contraditorio que primeiro se impuxera a distancia no tempo para falar friamente sobre feitos tan terribles coma os acontecidos hai máis de 70 anos, retardando o seu tratamento até a desaparición das xeracións vivas que sufriron ou cometeron estes actos, e agora, unha vez que son estudados, se esixa a presenza abondosa destes protagonistas para permitir ditas investigacións: isto, só tería sentido si se pretendera determinar a inocencia ou culpabilidade dos autores dos delitos co fin de impoñerlles unha condena – cousa que nunca se fixo – e que sería a única circunstancia que, logo, permitiría aos historiadores apuntar nomes de represores sen medo a represalias xudiciais. Se os historiadores só puideran citar a aqueles que teñen unha condena firme pola perpetración, instigación ou xustificación de actos represivos, atopariámonos con que se lles estaría a tapar a boca por completo, posto que polas características propias do réxime ditatorial xurdido tras o golpe de estado acontecido en 1936, é evidente que non hai ningún caso deste tipo, pois o franquismo non só non perseguiu e condenou eses feitos, senón que os promoveu e os premiou.

2.- Os gobernos municipais da nosa comarca que non actualizaron o seu nomenclátor ao contexto do actual sistema democrático, son cómplices desa concepción equivocada do franquismo como Estado de Dereito e dos franquistas como benfeitores asépticos de obras ou servizos para os nosos concellos. É lexítimo honrar por igual a calquera figura histórica do pasado, por moi discrepante que sexamos do seu ideario, polo feito de que favorecera certos intereses locais, mais non é de recibo situar como referentes públicos a aqueles que tiveron como ideoloxía precisamente prohibir, perseguir, e mesmo eliminar aos que non pensaran como eles, pois con isto estariamos a promover como exemplares comportamentos incompatibles cos valores democráticos que hoxe teñen obriga de difundir as corporacións municipais. Actitudes como as do alcalde de Cerdedo defendendo ao seu antecesor e xefe local da Falanxe polas obras acometidas no municipio baixo o seu mandato, favorecen o clima inquisitorial de persecución contra os que “atentan contra a súa honra”, pois esta honra é potenciada, precisamente, desde o actual poder municipal partindo dun concepto equivocado do que representaron os mandatarios fascistas, que de ningunha maneira se poden homologar a unha gloria local máis. E compre lembrar, asemade, que este ambiente enrarecido posibilita actitudes violentas e inaceptables tal que os reiterados ataques que está sufrir o monumento en lembranza dos canteiros asasinados na Ponte do Barco (Pedre).

3.- Preocúpanos que se queira avalar a persecución dos historiadores ao identificalos como perturbadores da convivencia e paz social da nosa comunidade. Este argumento que serviu de coartada de sanción no pasado, é especialmente falaz e dramático neste caso, porque ademais de partir do suposto reaccionario de que a ignorancia nos fai máis felices, culpabiliza as vítimas e aos que lles poñen voz, por incomodar a concordia da veciñanza ao narrar uns feitos que lle sacarían as cores aos seus autores, se viviran. Mais resulta que a grande maioría dos antigos represores, aos que non está ben visto molestar, non viven, co cal teríamos que pensar que, ou ben as súas familias asumen a herdanza da desmemoria, ou en realidade son outras as razóns das denuncias presentadas: isto é, impedir que queden en evidencia os propagandistas de ideas antidemocráticas que predican as bondades das ditaduras, escusados no descoñecemento que se teñen dos seus crimes. Descoñecemento que están politicamente interesados en perpetuar.

Por todo isto, amosamos a nosa solidariedade cos historiadores denunciados e solicitamos o sobresemento dos procedementos xudiciais iniciados contra eles e a adopción de reformas xurídicas que eviten a inseguridade coa que traballamos os investigadores do franquismo, derivadas dunha previa declaración da ilegalidade dese réxime de terror e, conseguintemente, da ilexitimidade de todos os seus actos. Deste xeito, deixaríase de esixir un tratamento aos protagonistas históricos da ditadura,como persoeiros investidos dunha normalidade e naturalidade propia de calquera Estado de Dereito.

  Fotografía da presentación do Manifesto polo Dereito a Saber   e a Liberdade de Investigar (CETMo de Soutelo de Montes,   15.09.07)

NOME

CONCELLO

PROFESIÓN

Carme Hermida Gulías

Forcarei

Profesora da Universidade de Santiago

José Luís Barreiro Barreiro

Forcarei

Profesor da Universidade de Santiago

Manuel Blanco Rivas

Forcarei

Escritor e xornalista

Mª Nieves Soutelo Vázquez

A Estrada

Historiadora

Paulo Porta Martínez

A Estrada

Investigador e profesor

Anxos Sanmartin Rei

A Estrada

Investigadora e profesora

Xosé Luna Sanmartin

A Estrada

Escritor

Xacobe Bastida Freixedo

A Estrada

Profesor da Universidade de Oviedo

Xosé Manuel Martínez Oca

A Estrada

Escritor

David Otero Fernández

A Estrada

Escritor

Xoán Carlos Garrido Couceiro

A Estrada

Investigador e profesor

Manuel Pereira Valcarcel

A Estrada

Escritor

Manuel Rei Romeu

A Estrada

Investigador e profesor

Susana Camba Castro

A Estrada

Historiadora

Miguel Louzao Outeiro

A Estrada

Escritor e profesor

María Dolores Camba Castro

A Estrada

Historiadora e profesora

Goretti Sanmartín Rei

A Estrada

Investigadora e profesora Universidade da Coruña

Xosé Manuel Maceira Fernández

A Estrada

Investigador e profesor

Carlos Solla Varela

Cerdedo

Escritor e profesor

José Antonio Meixueiro Rey

Cerdedo

Investigador

Serafín Fontenla Fernández

Cotobade

Investigador

Emilio García Lorenzo

Cotobade

Investigador e profesor

Matías Rodríguez da Torre

Silleda

Investigador e profesor

Alberte Maceira Balboa

Silleda

Investigador

Xulio Carballo Arceo

Silleda

Investigador e arqueólogo

Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez

Silleda

Investigador e profesor

Manuel Igrexas Rodríguez

Lalín

Investigador e profesor

Chus Pato

Lalín

Poeta

Celso Fernández Sanmartín

Lalín

Escritor

Antonio Presas García

Lalín

Investigador e profesor

Gonzalo Navaza Blanco

Lalín

Escritor e profesor

Mario Pereira Fernández

Lalín

Investigador e profesor

Carlos Negro

Lalín

Escritor e docente

Xosé Vázquez Pintor

A Golada

Escritor e profesor

Marcos Seixo Pastor

Cuntis

Investigador e profesor

Heitor Picallo Fuentes

Cuntis

Escritor e ilustrador

Alfonso Magariños Sueiro

Cuntis

Historiador e teólogo

Xosé Mª. Rodríguez Durán

Moraña

Escritor e xornalista

Reis Camiña Castro

Moraña

Coordinadora Revista “A Taboada”

Xosé Casal Porto

Moraña

Investigador

Xosé Neira Vilas

Vila de Cruces

Escritor

 

   
 
   
  Acto de Verbo Xido na Ponte do Barco (Pedre-Cerdedo)
   
A Asociación Cultural e Ecoloxista "Verbo Xido" de Terra de Montes convídavos a participar no acto de reposición da placa no monumento aos mártires cerdedenses Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias, asasinados o 13 de agosto de 1936. Agardámosvos o sábado, día 15 de setembro, ás 12'30 h na Ponte do Barco (Pedre-Cerdedo).
   
 
   
  Nova denuncia contra outro membro de Verbo Xido
   
Achégase un comunicado de Verbo Xido, sobre a denuncia a outro membro deste colectivo por parte dos mesmos que fixeron contra o historiador Dionisio Pereira. A dennucia foi interoposta polos contidos da páxina web persoal do denunciado, Alfredo González Ruibal, investigador de prestixio que neste momento traballa na Stanford University.

Desde a Comisiómn pola Memoria Siñor Afranio denunciamos outra volta que no atopamos perante doutro grave atentado contra a liberdade de expresión.
 
 
   
  Comunicado da asociacion Ecoloxista e Cultural Terra de   Montes “VERBO XIDO”
   


A Asociación “Verbo Xido” valora de maneira moi negativa o que consideramos unha nova iniciativa contra a liberdade de expresión e de investigación na persoa de Alfredo González Ruibal, membro do noso colectivo e pertencente a unha coñecida familia de Soutelo De Montes, profesor da Universidad Complutense de Madrid e arqueólogo de recoñecido prestixio internacional, que ven de recibir no pasado mes de xullo unha nova demanda de conciliación por parte da familia de Manuel Gutiérrez Torres, ex alcalde franquista de Cerdedo e antigo xefe local da Falange, unha vez máis por atentar, supostamente, contra a honra do devandito. A razón esgrimida para unha medida tan extrema, é a mesma que orixinou o enxuizamento do historiador Dionísio Pereira: citar a Manuel Gutiérrez Torres como “presuntamente” relacionado coa represión franquista nesta bisbarra.

Desde “Verbo Xido” consideramos este recurso aos Tribunais como unha tentativa máis de intimidar a tódalas persoas debruzadas na investigación da nosa historia recente, para coñecer a verdade duns feitos terribles que nos foron ocultados durante setenta anos. Entendemos, ademáis, que tanto o dereito da cidadanía á verdade como a propia liberdade de investigación, deberan prevalecer fronte a calquera outra consideración, habida conta de que calquera persoa pode facer uso da súa inalienable liberdade de expresión e rebatir aqueles feitos que considere non axustados ao que realmente aconteceu.

Finalmente, a Asociación “Verbo Xido” opina que, cando o grupo de goberno da Corporación cerdedense revogou hai un ano a decisión aprobada en pleno por unanimidade de retirar o nome da rúa adicada a Manuel Gutiérrez, non fixo máis que alentar actitudes contradictorias cos valores democráticos que debera sustentar a nosa sociedade, e comportamentos que só favorecen aos partidarios da denostada e fenecida Ditadura franquista.

Cerdedo, 25/8/2007

Por “Verbo Xido”
Lola Varela
(voceira)

   
 
   
  Discurso da Dionísio Pereira na Entrega do IIª Premio "Día da   Galiza Mártir" á recuperación da memoria histórica. (17 de   Agosto de 2007)


Compañeiros e compañeiras:

Antes que nada, como é obrigado, teño que agradecer á “Fundación Alexandre Bóveda” a concesión deste premio, cousa que non tomo como algo persoal posto que hai outros investigadores e investigadoras con máis méritos ca min para recibila, e estou a pensar en compañeiros de longo percorrido como Bernardo Máiz ou Carlos Velasco, sen esquecer a autores máis novos pero cunha obra xa consolidada neste eido, como son Xulio Prada, Emilio Grandío ou Mª Xesús Souto. Máis ben interpreto esta distinción en clave colectiva, como unha mostra de apoio a todas as persoas e colectivos debruzados na recuperación da memoria do que significaron para estas terras, tanto o golpe militar de xullo de 1936 como o sanguento réxime franquista posterior; un labor básico para que hoxendía poidamos construír un país, cuxos alicerces sexan a xustiza, a liberdade, a igualdade e a solidariedade.

   Quixera expresar, asemade, a miña emoción e o meu orgullo por verme asociado á rexa figura de Alexandre Bóveda, un dos referentes como cidadán e como político da nosa nación, cuxa valentía e lealdade aos ideais na hora da morte, continúan a ser un exemplo para todas aquelas persoas que entenden o compromiso coa construcción dunha sociedade máis xusta, como algo irrenunciable na súa existencia e sen o cal esta perdería boa parte do seu sentido.

   Mais, ao tempo, tamén debo transmitirvos a miña preocupación e a miña denuncia, porque os atrancos e as intimidacións que sufren os colectivos e os/as investigadores/as que traballan na recuperación da memoria dos vencidos, están a medrar nos últimos tempos, quen sabe se influídas polas belixerantes declaracións do líder do PP, Mariano Rajoy, relativas a que, se gaña as vindeiras eleccións “se va a acabar todo eso de la memoria histórica”. Deste xeito, días atrás coñecimos algunhas malas novas ao respecto:

  1. En Madrid, o escritor Alfredo Grimaldos, autor no ano 2004 dun libro titulado “La sombra de Franco en la Transición”, ven de ser denunciado pola familia do que foi ministro de Gobernación naquela altura, o lucense Juan José Rosón.
  2. En Soutelo de Montes, a familia do ex alcalde falanxista de Cerdedo Manuel Gutiérrez Torres, ven de recuncar presentando outra demanda de conciliación contra un compañeiro da asociación “Verbo Xido”, por calificar ao devandito rexedor de “presunto asasino” na páxina web dunha Universidade americana.
  3. En Ponteareas, a investigadora Victoria Rodríguez atopa todo tipo de impedimentos por parte do grupo de goberno sustentado pola dereita local para realizar o seu traballo encol do devalar da Sección Femenina da Falange daquela vila, ate o punto de non percibir o montante do “IV Premio de Investigación Fermín Bouza Brey”, que lle fora concedido polo Concello no ano 2006.
  4. No propio Cerdedo, e aproveitando o clima revisionista inducido polo grupo de goberno do PP que decidiu revogar un acordo municipal unánime para mudar o rótulo dunha rúa adicada ao susodito Manuel Gutiérrez Torres, grupos fascistas veñen de atentar por terceira vez nun ano contra o pequeno monolito erixido en Pedre, na lembranza de dous canteiros cenetistas da parroquia de Figueroa torturados e asasinados naquel lugar.

    En pouco tempo, os casos anteriores engádense a outros tristes exemplos de escurantismo e intolerancia, acontecidos ben na Galiza, ben no resto do Estado español. En consecuencia, a dura carreira de obstáculos para desentrañar a dor e a miseria esparexidos por toda parte tras o esfarelamento da IIª República, remata en máis ocasións das debidas cos humildes monumentos antifranquistas esnaquizados, cando aínda a simboloxía franquista campa polos seus respectos, ou cos investigadores nun Xulgado encausados baixo a Lei de Enxuizamento Civil aprobada polo Goberno Aznar no ano 2001. En realidade, a devandita normativa, esgrimida por achegados aos presuntos represores, salvagarda a suposta honra destes na mesma medida en que pretende disuadir a historiadores e informantes, coartando o dereito á verdade da cidadanía e a liberdade de creación científica na que se insire o labor dos investigadores. E por se alguén quere saber a miña opinión sobre a tan traída e levada “honra” destes e doutros personaxes, na respectable compaña de Don Benito Pérez Galdós direi que tal atributo é ben acaído para estercar as veigas, contribuíndo así a vizosas colleitas de patacas e repolos.

   Malia os atrancos e as persecucións, ao longo da vida, certamente hai actitudes que son imperativos éticos ineludibles para non desmentir o que somos, e polas que non se debe agardar premio ou agradecemento ningún.

   Mellor aínda expresalo coas verbas dun pensador que soubo enfrontar a barbarie nazi, naquela medianoite na historia que foi o comezo da IIª Guerra Mundial: estou a falar de Walter Benjamin. Aquel xudeu-alemán suicidado na aldea raiana de Port Bou en 1940, deixou escrito: “O don de prender no pasado a faísca da esperanza, tan só lle é dado ao historiador perfectamente convencido de que tan sequera os mortos están seguros se o inimigo vence. E ese inimigo nunca cesou de vencer”.

   Por iso a distinción que a Fundación Alexandre Bóveda tivo a ben concederme, máis que un premio debe ser unha mostra cívica da determinación que nos anima para impedir que a caverna continue a desposuírnos do que é noso: a condición humana xenerosa e liberadora que reivindicamos a través dos represaliados e das represaliadas doutrora.

   Finalmente, unha derradeira consideración: reivindico un tratamento comprometido das homenaxes ás vítimas do franquismo na Galiza, para non caer nunha mera reparación familiar ou en visións nas que predomine a nostálxia e o ritual. Ninguén discute que os achegados ás víctimas merecen todo o noso respecto e o noso apoio, nin tampouco que as autoridades deban ter a súa cota de protagonismo, mais tamén compre dicir que non tratamos só de persoas ou de datas conmemorativas, senón dos valores que aquelas sustentaron. E deses valores nos reclamamos aqueles e aquelas que devecemos por máis liberdade e máis igualdade para as nosas existencias: “paraíso ahora”, que diría Pablo Guerrero, un dos moitos damnificados da Transición da desmemoria.

   Transmitir arelas de rebeldía contra os privilexios, de apoio mutuo e solidariedade, de acción colectiva para defender os dereitos dos individuos e dos pobos; velaí a maneira para que os homes e as mulleres sacrificados polo franquismo precisamente polo seu compromiso liberador, pervivan nas angueiras de hoxendía a prol dunha sociedade máis xusta. Compre tender unha ponte entre os loitadores de onte e de hoxe, de maneira que Alexandre Bóveda, Xaime Quintanilla, José Villaverde ou Benigno Álvarez, entre tantos outros e outras, estean connosco cando rexeitemos a precariedade laboral, a discriminación da muller traballadora, a explotación dos inmigrantes, ou reclamemos con firmeza o dereito a decidir das nacións que hoxe conforman o Estado español.

   Por iso arrenega a dereita máis cerril da “memoria dos vencidos”. Por iso, para nós representa unha promesa de futuro.

   Na lembranza de Lluis María Xirinachs, longa vida aos que loitan.

                                                                   

                                                                                                 Dionísio Pereira

 
   
  Novo atentado na placa de homenaxe na Ponte do Barco -   Pedre (Cerdedo)
   

Asociación ecoloxista e cultural
VERBO XIDO

Terra de Montes -
O monumento dedicado a Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias -dous traballadores de Figueroa (Cerdedo), militantes da CNT, paseados e asainados o 13 de agosto de 1936- situado na Ponte do Barco de Pedre (Cerdedo), foi obxecto dun novo atentado protagonizado polas hostes fascistas.

Os vándalos arrincaron a placa na que figura unha inscrición onde pode lerse `Morreron pola liberdade`, e lembra tamén a todos os cerdedenses que tiveron o mesmo destino ou foron obxecto de calquera tipo de represalia por teren defendido a democracia e a II República.

Produciuse esta semana e trátase do terceiro en menos dun ano. Antes da inauguración, celebrada o 12 de agosto de 2006, quixeron borrar a placa prendéndolle lume, pero non foron quen de conseguilo. Días despois do acto voltaron ó lugar para arrincala e facela desaparecer por primeira vez.
A asociación ecoloxista e cultural Verbo Xido, promotora da iniciativa que fixo posible erguelo e restauralo, condena enerxicamente este novo atentado perpetrado contra un monumento que o pobo libre de Cerdedo erixiu co gallo do 70 cabodano dos asasinatos, e entende que tales feitos son unhas verdadeiras agresións contra valores como a liberdade e a intelixencia, que non fan máis ca salientar a necesidade de seguir traballando a prol da recuperación do noso pasado, pese a quen lle pese.
Non deixa de chamar a atención a total impunidade coa que é posible actuar en Cerdedo, xerando a dor nas xentes que un día deron o mellor na defensa da legalidade e na procura dunha sociedade máis xusta e, en primeira persoa ou a través dos seus familiares ou achegados, sentíronse dalgún xeito recoñecidas cun sinxelo monumento. Os seus exemplos son a enerxía que fai ondear a bandeira que erguemos agora e erguerán os nosos fillos no futuro. 

Sorprende, porque mentres colectivos como Verbo Xido, e outros espallados por Galicia que traballan a prol da recuperación da memoria histórica, cumpren con todos os requisitos e superan non poucos atrancos para manter sempre as súas actividades no marco da legalidade, unha institución como o Concello de Cerdedo dá marcha atrás e revoca o acordo plenario de retirar unha rúa dedicada a quen foi un recoñecido falanxista: Manuel Gutiérrez.

Ademais de homenaxear a aqueles que son responsables directos da destrución da democracia, actuacións deste tipo alimentan a bestas como as que acudiron á Ponte do Barco a deixar unha pegada da súa miseria moral, impotencia e cobardía.
Só morre o que se esquece. Verbo Xido sempre terá presentes a aqueles que abriron o camiño do porvir a costa das súas vidas. A nosa determinación é restituír canto antes o roubado e facelo cantas veces faga falla, até que a cordura e a xustiza saian triunfadoras, e non desbotamos a posibilidade de acudir á vía xudicial para denunciar o acontecido e que sexan depuradas as responsabilidades nas que puidese incorrer o autor.

 

Cerdedo, xullo de 2007

 


Evindentemente, a Comisión pola Memoria Siñor Afranio e todas as asociacións que a integran: a propia Verbo Xido, O Naranxo e Manuel Ferreiro de Lalín, Adellís de Silleda, Asociación Cultura da Estrada, O Meigallo de Cuntis, A Cabana de Moraña e Canón de Pau de Cotobade , condenamos enerxicamente esta nova atrocidade cometida contra a memoria dos loitadores pola liberdade e solidarizámonos coa causa.

Asemade solicitamos doutras asociacións, comisións, colectivos e particulares sensíbeis á recuperación da memoria e á crítica contra a represión franquista, apoien unha nova iniciativa de repulsa. Para isto poderedes pariticpar cos vosos comentarios na propia web: e, como non, enviar as vosas adhesións e denuncias á prensa da zona de Terra de Montes:

 
 
 
  Fixada a data do Xuízo contra o Historiador Dionísio Pereira
   
O vindeiro 2 de outubro ás 10 da mañá no Xulgado de 1ª Instrución da Estrada, terá lugar o xuízo contra o historiador Dionísio Pereira. Na vista previa celebrada o 18 de xullo, a xuíza, admitiu as achegas testifical e probatoria do investigador de Terra de Montes. Desde a Comisión pola Memoria Siñor Afranio apoiamos o labor realizado por Dionísio Pereira coa finalidade de divulgar a represión franquista en Cerdedo.
   
 
   
  Vista Preliminar do Xuízo Contra Dionísio Pereira
   
O vindeiro 18 de xullo no Xulgado da Estrada terá lugar a vista preliminar convocada entre as partes implicadas no xuízo contra o historiador Dionísio Pereira. Desde a Comisión pola Memoria Siñor Afranio solidarizámonos con Dionísio e o seu labor como investigador na procura da verdade.
   
 
   
  Demanda contra o historiador Dionísio Pereira!
 

Compañeir@s:

Tal e como ameazaron no seu día, o xulgado de 1ª Instancia de A Estrada acaba de admitir a trámite a demanda interposta contra Dionísio Pereira pola familia do ex-alcalde falanxista e xefe local de Falange de Cerdedo nun par de ocasións, Manuel Gutiérrez Torres.

Na demanda, rebáixanse as esixencias que contiña a inicial demanda de conciliación, posto que renuncian á indemnización, se eliminan algúns nomes e tamén as referencias ao libro publicado no ano 2006 pola Asociación "Verbo Xido". Manteñen, non obstante, a esixencia de retirada da frase que fai referencia á "presunta" participación na represión de Manuel Gutiérrez Torres e do falanxista cerdedense Francisco Nieto, contida nas actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón e organizado pola Asociación Memoria Histórica Democrática.

Malia que a masiva resposta solidaria acontecida hai tres meses semella que dou os seus froitos, considero que a presentación da demanda continúa a ser unha agresión contra a liberdade de expresión e de creación científica, na que se enmarca a actividade dos historiadores, que en ningún caso debera ser xudicializada. Tamén pretenden, na miña opinión, perpetuar a impunidade dos "presuntos" protagonistas da represión, intimidando aos historiador@s e, sobre todo, aos nosos informantes.

En consecuencia, este non é tan só un problema individual a engadir aos que xa tiveron lugar en Galiza (caso da páxina web censurada a Fabien Garrido polo Xulgado de Cambados) e noutras zonas do Estado español (Asturias, Andalucía....), senón algo que pode afectar a tod@as as persoas amantes da liberdade e conscientes da necesidade imperiosa de recuperar a memoria da represión franquista.
Máis unha vez, sen desbotar outro tipo de alternativas que podemos debater en torno ás asociacións debruzadas na recuperación da memoria caso da recén nada Iniciativa Galega pola Memoria, solicítovos a vosa solidariedade que xa demostrou ser efectiva meses atrás. Polo momento, podedes enviar os vosos apoios e opinións á páxina esta web www.sinhorafranio.com , sitio onde se poderán seguir as novidades e iniciativas que nos vindeiros días entre todos e todas tomaremos.

Saúde e memoria

 

 
 
   
   
 IV Premio Roberto Vidal Bolaño acta
   

   Reunidos en territorios da antiga freguesía de Bando, Compostela, os socios de Redes Escarlata X. Antón L. Dobao, Antón Figueroa, Francisco Fdz. Rei, Rosa López, Darío Xohán Cabana e o que labra esta acta, X.L. Méndez Ferrín, o día 26 de Maio do ano 2007, proceden a se constituír en xuri do Premio Roberto Vidal Bolaño e, tras fonda deliberación

ACORDAN

outorgar dito Premio Vidal Bolaño a
DIONISIO PEREIRA
e VERBO XIDO

Tivéronse en conta para esta escolla a longa traxectoria do premiado nos estudos de historia contemporánea, pola súa dedicación á reconstrución de todas as formas de abxección feixista e dos crimes perpetrados contra os fillos e fillas do pobo galego así como o seu intenso labor no asociacionismo e na impulsión de entidades culturais que, como VERBO XIDO, se caracterizan polo seu servizo á cultura popular e nacional.

Do que dou fe, como Secretario
X. L. Méndez F
errín

 
  Pronunciamento Sobre a Lei da Memoria Histórica de Iniciativa   Galega pola Memoria

Inicitiva Galega pola Memoria é unha rede de colectivos que traballan a prol da memoria histórica en Galiza. A aparición pública coincide cun documento consensuado entre todos os colectivos, sendo máis dunha vintena, que dá unha visión crítica e necesaria para o noso país, sobre a lei da memoria histórica que se está a debater no Congreso dos Deputados.

Ler Pronunciamento Lei Memoria Histórica (.PDF)

Ler Nota da Rolda de Prensa (.PDF)

 
Publica o teu comentario.
Nome Comentarios  

Enderezo Eléctronico
 
 
 
 



Nome: Montserrat Llorens
  Hola, Des de Catalunya em solidaritzo amb Dionisio Pereira. Si no podem saber la veritat mai no podrem explicar la història, ni tampoc no podrem ser lliures. Endavant! Una abraçada des de Manlleu (Barcelona)


Nome: José Viale Moutinho
  Amigos, por favor, façam saber a minha solidariedade cívica e antifascista ao camarada Dionisio Pereira. Seu leitor e admirador, um abraço.